O Concello de A Coruña e Cada Lata Conta lanzan por segundo ano consecutivo a campaña medioambiental "Circula a túa lata" para promover a reciclaxe de latas de bebidas nas praias galegas. Tras o éxito da campaña de reciclaxe do verán de 2020 e o compromiso amosado polo Concello da Coruña co medio ambiente, "Circula a túa lata" volve ás praias da Coruña, nas que varios equipos de educadores medioambientais percorrerán as praias con mochilas recolectoras de latas co fin de reciclalas e darlles unha nova vida.
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, destacou este tipo de accións que o Goberno local de Inés Rey apoiará sempre porque "se necesita concienciar a veciñanza da reciclaxe de todo o material que nos rodea". No caso destes envases, a edila sinalou que se aproveita un 85%, "oito de cada dez latas estanse reciclando", pero cómpre recordar que hainas que despositar no contedor destinado ao inorgánico ao seren separadas na planta de Nostián: "Isto evita un consumo do 70% de auga e do 95% de enerxía e elimina a pegada de carbono. Toda a lata é reciclable".
A iniciativa ten como obxectivo facilitar ás persoas a reciclaxe nas praias, apoiando ao Concello na súa xestión de residuos promovendo que as e os bañistas reciclen as súas latas de bebidas e o contedor amarelo, tamén na praia. A campaña arrincou o 16 en xullo e percorrerá até o 15 de agosto as praias do Orzán, Matadoiro, As Lapas, Durmideiras e Santo Amaro.