O DOG publicou o día 27 de xullo a apertura do prazo para solicitar as bolsas reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia. Trátase dun total de 21 bolsas dirixidas a favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade, así como a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico dos/das estudantes que cursen as titulacións do CSHG.
As bolsas supoñen un desconto no prezo da matrícula ordinaria por titulación do 80% ou do 50% sobre o prezo. En concreto outorgaranse 6 bolsas cun desconto do 80% para o 1º curso de diploma superior en Xestión Hoteleira; 12 bolsas cun desconto do 50% para o 1º curso de diploma superior en Xestión Hoteleira e 3 bolsas cun desconto do 50% para o 1º curso de diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.
Poderán solicitar estas bolsas o alumnado que reúna os requisitos académicos e económicos que establece a resolución e teñan feito, se procede, a reserva de praza nalgunha das titulacións do CSHG para o curso 2021/22, no seu primeiro curso.
O prazo para facer as solicitudes, que terán que xestionarse a través da sede electrónica da Xunta, é dun mes (código do procedemento TU200A).