Dodro incorpórase ao Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro


O Consello de Dirección do Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro reuniuse esta mañá no Porto do Son nunha primeira xuntanza na que se aprobou a creación dun Consello Asesor e outras medidas encamiñadas a avanzar no proxecto como a confirmación dos castros que forman parte do plan ou a creación dunha imaxe corporativa e unha páxina web para o proxecto. Na mesma reunión aprobouse a incorporación do Concello de Dodro á iniciativa.

Representantes da Deputación da Coruña e os concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son participaron na primeira xuntanza do Consello de Dirección do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro, un proxecto que, segundo as institucións implicadas, supón unha forte aposta pola posta en valor dos recursos históricos e polo turismo cultural de calidade. A iniciativa ten previsto desenvolverse coa implicación de diferentes axentes do ámbito do turismo, da arqueoloxía, da investigación e da divulgación polo que, xa na primeira xuntanza se aprobou a creación dun Consello Asesor que oriente os pasos futuros do proxecto.

Na xuntanza participaron o vicepresidente e deputado de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o alcalde e a concelleira de Turismo da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro e Rosario Varela; o concelleiro de Ribeira, Emilio Pérez Outeiral, o concelleiro de Porto do Son, José Manuel Deán, a xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa, Fátima Cachafeiro e a técnica da entidade, Patricia Miralles e as da Deputación da Coruña, Maite Loureiro e Silvia Pérez.

Ademais, entre os acordos da sesión aprobouse a realización nos próximos meses Plan Director que rexerá o proxecto e que consistirá nunha folla de ruta completa para este Parque Arqueolóxico ao aire libre. De forma paralela, outro dos acordos que se tomaron na xuntanza foi botar a andar os traballos para o deseño da imaxe corporativa e da páxina web como primeiras acción de dinamización.

O Castro das Cercas de Isorna en Rianxo, o Castro da Croa de Posmarcos en A Pobra do Caramiñal, o Castro de Achadizo e de Neixón en Boiro, o Castro da Cidá de Ribeira e o Castro de Baroña en Porto do Son son os recursos do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro, un proxecto que terá identidade propia e baixo o que se construirá un relato que porá en valor o territorio.