O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou na presentación da XV edición de Música no Claustro, o festival de música, patrimonio e creación que se celebra do 1 ao 7 de agosto na Catedral de Tui e que incluirá unha nova edición do foro profesional de instrumentos musicais para divulgar os oficios artesanais, #Resonancias, co apoio da Xunta de Galicia.
Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, este festival é un “dos clásicos do verán galego” que este ano suporá, ademais, “reflexionar sobre un patrimonio único, nun momento de especial sensibilidade e no que é importante dar continuidade ás iniciativas culturais de éxito como esta e recuperar a confianza dos cidadáns para participar na cultura de xeito seguro”, expresou.
Neste sentido, salientou a importancia de que esta iniciativa sume á programación de concertos e propostas musicais este foro de debate que, como indicou, servirá para que artistas, intérpretes musicais e profesionais da xestión, así como outras empresas vinculadas ao sector, “afonden nos retos e necesidades dunha actividade moi vinculada aos oficios artesanais como é a construción de instrumentos que son elementos da nosa identidade cultural e tamén unha oportunidade de negocio”, indicou.
O foro conta por sexto ano consecutivo coa colaboración da Xunta de Galicia co obxectivo de achegar á sociedade a profesionalización e a divulgación dos oficios artesanais nun diálogo co tecido artístico. Neste sentido, a xerente de Artesanía de Galicia Elena Fabeiro sinalou a relevancia deste foro como espazo de intercambio de coñecemento e de creación de sinerxías no tecido artesán, e como plataforma de impulso da investigación e da innovación no eido dos instrumentos musicais.
Anxo M. Lorenzo animou tamén a participar tanto no foro como no resto de actividades de Música no Claustro, que se suman ás máis de 3.000 actividades culturais que este verán impulsa a Xunta de Galicia cun investimento de 9M€. “É fundamental apoiar a cultura e a mellor maneira de facelo é participando dela coas máximas garantías sanitarias”, expresou.
Percorridos nocturnos
A programación deste ano incluirá recitais de numerosos intérpretes de distintas partes do mundo e tamén percorridos nocturnos pola Catedral os días 4, 5 e 6 de agosto, realizando un percorrido artístico pola iconografía musical dos retablos barrocos do templo. Pola súa banda, o Foro Profesional de Instrumentos Musicais #Resonancias está dividido en catro bloques temáticos. No primeiro, Innovación desde a tradición, participan cinco obradoiros da marca Artesanía de Galicia: Xaneco (Outeiro de Rei), Pablo Sánchez Otero (A Coruña), Héctor Salgado de Morenita Percusións (Laza), Xosé Manuel Gil de Obradoiro de Gaitas Gil (Ponteareas) e Antón Corral (Tui), entre outros.
No bloque Iconografía musical e tecido artístico afondarase na relación entre artesáns e intérpretes coas intervencións, entre outros, dos historiadores Suso Vila e Sara Quintana, do luthier de Artesanía de Galicia Xermán Arias (Sarria), así como da investigadora Isabel Rei Sanmartín. O xoves 5 de agosto o bloque temático Os instrumentos musicais nos museos afondará nos retos de restauración, conservación preventiva e divulgación. Entre outros, estarán presentes o artesán Régis Floury (Gondomar), o presidente do Gremio de Luthiers y Arqueros de España (GLAE), José Catoira, e o intérprete, investigador e director artístico de Música no Claustro, Samuel Diz.
O foro pecharase co bloque dedicado á Profesionalización e divulgación dos oficios artesáns, con Elena Fabeiro e os obradoiros de Artesanía de Galicia Obradoiro de Gaitas Seivane (Cambre) e Franfret Guitars (A Coruña), o obradoiro Guitarras Ramírez e os investigadores Belén Bermejo e Andrés Díaz. Haberá un máximo de 30 participantes, previa inscrición na páxina web de Artesanía de Galicia. O prezo para o público xeral é de 50€ pero redúcese a 20€ para artesás do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.