O Doga publica este venres a resolución do Préstamo vendima


Este venres sairá no Diario Oficial de Galicia a resolución da renovación do “Préstamo vendima” coa publicación da orde pola que se regula o procedemento para o recoñecemento a adegas do dereito a empréstitos de campaña no ano 2021, garantidos pola Xunta, co fin de aportar liquidez ás adegas galegas.

O anuncio foi feito polo conselleiro do Medio Rural, José González,presidiu esta tarde a presentación oficial do viño institucional da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) de 2021 , correspondente á colleita do ano pasado 2020.

Con esta ferramenta, creada o pasado ano para paliar a afectación das repercusións económicas do sector por mor da covid-19, preténdese asegurar a compra de uva en condicións normais de mercado, co fin de garantir a capacidade de resiliencia das adegas.

O viño da Evega correspóndese á colleita 2020 e alcúmase “O camiño da liberdade”. Este ano, a través da etiquetaxe do seu viño, a Evega quere render unha homenaxe a todas as galegas e galegos polo seu comportamento exemplar na loita contra a pandemia.

Dende o ano 2016, a Consellería do Medio Rural elabora un viño institucional coas colleitas da propia Estación de Viticultura e Enoloxía de Galiciapara usos formativos en catas e degustacións celebradas dentro das actividades organizadas pola propia Evega.