O SonRías Baixas de Bueu mantén a cita anual co seu público


Nun formato adaptado ás medidas sanitarias vixentes, O SonRías Baixas este ano preparou unha edición especial . O festival volve contar co apoio da Xunta de Galicia como entidade patrocinadora a través do Xacobeo 21-22 e de FEST Galicia, a marca creada polo Goberno autonómico para a promoción da nosa Comunidade como destino musical seguro e de calidade.

Esta edición desenvolverase ao longo de seis xornadas nocturnas, do 3 ao 8 de agosto, con dous directos cada unha delas, nun recinto sectorizado e con equipamento independentes para unha capacidade máxima de 500 persoas en cada caso.

Así se explicou na presentación celebrada este mediodía no porto de Bueu, na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, xunto aos codirectores do festival, Jordi Lauren e Berta Domínguez, e aos representantes do resto de entidades e empresas colaboradoras.

Calidade e seguridade

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou o esforzo e a profesionalidade coa que os festivais están a enfrontar a crise sanitaria para poder ofrecerlle ao público unha oferta que prima tanto a calidade, como as medidas que garanten unha cultura segura.

Neste sentido, o SonRías Baixas conta cun protocolo anticovid propio e coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para os 12 concertos que acollerá o Recinto Multiusos da Estacada. Ademais, coa intención de evitar concentracións, o encontro disporá dun sistema de pago cashless, coa posibilidade de recarga tanto desde os dispositivos móbiles como dos tótems que estarán distribuídos polo recinto.

Escenario Xacobeo 21-22

O escenario Xacobeo 21-22 acollerá un cartel con 12 concertos, dos que Sutil destacou especialmente os da representación galega con Sés, Sabela e SonDaRúa. Así mesmo, SonRías Baixas acollerá as únicas citas deste verán en Galicia de Kase.O, La Pegatina, Travis Birds, Muerdo ou Tu Otra Bonita, así como as actuacións de TéCanela, Iseo & Dodosound, Ciudad Jara e la M.O.D.A. 

O responsables de Industrias Culturais da Xunta lembrou tamén as dúas principais vías de apoio económico do Goberno galego aos festivais profesionais de música, para os que se conta cun orzamento de 840.000 euros en 2021. Dunha banda, a través da devandita marca FEST Galicia, que se reforza cun investimento de 500.000 euros, un 25% mais que en 2020, para patrocinar os 13 festivais adheridos.

En 2021 retomouse, ademais, a convocatoria específica de subvencións a festivais de música, suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas, actualmente en proceso de tramitación cara á súa próxima adxudicación, distribuirá outros 340.000 euros entre os encontros beneficiarios.