Pontevedra será un oasis cultural na Semana da Peregrina


Pontevedra aposta pola cultura, na súa definición máis grande e inclusiva, á hora de volver contar, un ano máis, cunhas Festas da Peregrina un chisco diferentes. O Concello creou un programa de enorme variedade, con base na aposta polo local, as novas tendencias, a unión da vangarda e o tradicional, a variedade total e un obxectivo xeral que é o de ir máis alá da música, ofrecendo teatro, humor, ocio; ademais de non esquecer as crianzas nin excluír ningún rango de idade.

«Serán dez días de programación intensa e variada, e, ao igual co resto da programación do verán como O Son Da Rúa, que comezou no mes de Xuño, quere ser un apoio firme, claro e contundente ao sector da cultura», explica a concelleira de festas, Carme da Silva.

Alén do programa musical, da Silva destacou que haberá pasarrúas, teatro, comparsas, humor, retranca e unha programación diaria centrada nas crianzas, nos nenos e nenas de Pontevedra. Doutra banda, o Concello destaca o relevante papel que terán as mulleres dentro da programación, presentes dun xeito importante e visible, tanto cualitativa como cuantitativamente.

Os concertos serán celebrados cumprindo a lexislación actual e tomando como referencia a situación epidemiolóxica no intre que acontezan. Así, haberá un aforo limitado e control de acceso para todas as actuacións. Non haberá reserva de entradas, polo que o acceso será por estrito orde de chegada ao recinto ata completar aforo.

Sobre os recintos, o Concello propón, dun xeito moi semellante ao do no pasado, habilitar catro escenarios ou espazos principais: a Alameda (para a programación infantil) e a Ferraría, a Praza do Concello e as Pistas de Campolongo (para os concertos e espectáculos doutra índole). Seguindo os horarios, estes solaparanse, para evitar aglomeracións.

O programa completo pode ser descargado na seguinte ligazón:

https://www.dropbox.com/sh/gxb15yyfg00412k/AAD_nDe88KY23ITxBlwz6Ku0a?dl=0