Premio europeo á excelencia da Ameixa de Carril


O presidente da Agrupación de Parquistas e patrón maior da Confraría de Carril, José Luis Villanueva, recolleu en Verona (Italia) o galardón Aurum 2021 - European Artisanal Cultivators of sea products- en recoñecemento ao traballo realizado durante décadas polos produtores carrilexos nos seus viveiros cun produto tan destacado como é a “Ameixa de Carril”. Un galardón que se suma aos recoñecementos que este colectivo artesanal ten recibido ao longo dos anos.

O Consello Europeo das Confrarías Enogastronómicas concedeu á Asociación Parquistas de Carril o premio “ AURUM Europa- Excellence- Enograstronomic 2021” na súa quinta edición na categoría de Cultivador Artesanal Europeo de produtos do mar.

O Consello Europeo de Confrarías é unha organización sen ánimo de lucro que se encarga da promoción e defensa dos produtos agroalimentarios e a gastronomía de calidade dos oito países nos que están residenciadas nas súas 130 confrarías, nas que entran España, Francia, Portugal, Italia, Hungría, Grecia, Bélxica e a excolonia portuguesa de Macao.