A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de conservación na cuberta e a fachada do Castelo de Soutomaior, que permitiron solucionar os problemas de filtracións de augas que se viñan producindo nos encontros da fachada cos petos e as ameas pero que, sobre todo, supoñen todo un avance nos criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. A institución provincial dedicou preto de 90.000 euros a estes traballos, que forma parte do Plan de Conservación e posta en valor do recinto que se iniciou en 2017 con investimentos cara á súa musealización, e que continúa agora cos parámetros sostibles do século XXI.
As obras non interferiron coas visitas guiadas nin tampouco co calendario de actividades culturais de verán que se está a celebrar todos os xoves no exterior do recinto, o programa “Tras as ameas”. De feito, unha das premisas foi a de intervir o mínimo o inmoble. Para iso, empregáronse técnicas e materiais compatibles e non agresivas que respectaron en todo momento as características esenciais deste Ben de Interese Cultural.
En concreto, os traballos focalizáronse na cuberta inclinada, nas cubertas planas transitables situadas enriba da Galería das Damas e das latrinas, no muro da fachada suroeste e tamén nas ameas e nos petos perimetrais. Ao solucionar os problemas derivados da presenza de humidades e da entrada de auga, evítase tamén a posíbel aparición doutras patoloxías no futuro. Os traballos incluíron, no que atinxe ás cubertas, a reparación de gárgolas, a recolocación de tellas, o cambio das fiestras, a substitución do lucernario por un novo de vidro, a limpeza e toma de xuntas das lousas do chan das cubertas transitables ou a execución dunha nova quenlla. No muro realizáronse labores de limpeza e de tratamento puntual de xuntas, e se resolveron as filtracións que se producían nas salas que dan á fachada suroeste.
Na súa aposta por seguir convertendo o Castelo de Soutomaior no gran foco de atracción do turismo vencellado á historia en toda Galicia, a Deputación destina amplos recursos para a conservación e posta en valor tanto da fortaleza como de todo o seu recinto. O investimento do actual goberno provincial no Castelo só en traballos de conservación e mantemento, coa súa musealización como proxecto estrela, supera os 2 millóns de euros.