O Festival Mar de Mares deste ano contribuirá a difusión da exposición mundial dixital da Década dos Océanos da ONU, na que participan artistas de todo o mundo. A mostra, dividida en fotografías e carteis, ten como obxectivo sensibilizar sobre a importancia dos océanos e inspirar un maior coñecemento e conservación dos mesmos durante o crucial Decenio dos Océanos das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible 2021-2030 (a Década dos Océanos). Os carteis foron deseñados co obxectivo de buscar apoio á investigación científica nos mares.
Será a primeira ocasión que un evento desenvolto en España mostre esta exposición dixital da ONU a través da súa páxina web. En www.festivalmardemares.org haberá unha ampla selección de imaxes e vaise actualizar con novas incorporacións cada tres meses.
Esta actividade oficial da Década dos Océanos da ONU parte de The Ocean Agency, a organización sen ánimo de lucro famosa por levar Google Street View baixo a auga e revelar os impactos do cambio climático no océano no premiado documental orixinal de Netflix, Chasing Coral (Premio Emmy ao mellor documental de natureza).
Segundo Richard Vevers, fundador de The Ocean Agency, “a ciencia e a conservación dos océanos teñen un problema de imaxe: a xente non se compromete nin se interesa polo océano. Tamén hai un problema de persoas: as persoas que apoian a acción son a miúdo etiquetadas como ecoloxistas e son ignoradas con demasiada facilidade. Todas estas circunstancias provocaron unha falta crónica de apoio á ciencia e a conservación dos océanos. Esta exposición aborda ambas problemáticas, utilizando a creatividade bruta para inspirar, educar e motivar a un público maioritario e presentar ese apoio aos líderes mundiais en eventos e conferencias de toma de decisións”.