Audiovisual sobre a espada de Mouruás


A Deputación de Ourense vai promover unha produción audiovisual sobre a espada de Mouruás, unha peza de broce con máis de 3.000 anos de antigüidade achada en 1967 no Concello de San Xoán de Río e que se conserva no Museo Arqueolóxico Provincial. Manuel Baltar fixo este anuncio logo da reunión que mantivo hoxe coa actriz, guionista e directora ourensá Lucía Álvarez, natural da pequena aldea onde se atopou a milenaria espada e impulsora deste proxecto, xunto coa pianista Rosa Torres-Pardo a través da produtora Mezzoforte 111.

Depositada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, a espada de Mouruás é unha peza de bronce datada entre os séculos X e IX antes da nosa era. Foi atopada en 1967 na canteira da Pena dos Castros durante os traballos de construción dunha estrada e conservada grazas á iniciativa dunha veciña da aldea, Nemesia Blanco, que contactou co arqueólogo e antropólogo Xesús Ferro Couselo, que verificou a importancia do achado.