A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un taller formativo para a implantación de soutos destinados á produción comercial de castaña. Este curso, que formará unha vintena de persoas, desenvolverase entre o 30 de agosto e o 8 de setembro no auditorio de Verín, en horario de tarde (de 16:00 a 20:00 horas).
O obradoiro está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galegoe persoas con expectativas de incorporación ao sector. Ao longo das 25 horas de duración desta acción formativa, instruirase os alumnos sobre o cultivo do castiñeiro dende a plantación ata a comercialización, en aspectos como as variedades, tipos de planta, factores agronómicos, coidados da plantación, demandas do mercado e experiencias.