O concurso de tapas máis antigo de Galicia, o Concurso de Tapas Picadillo, prepara a súa decimo sétima edición ao abrir desde este xoves a inscrición para que os locais de hostalaría poidan participar na afamada cita que porá a proba aos cociñeiros e cociñeiras da cidade da Coruña entre o 4 e o 14 de novembro.
O certame está aberto a todos os establecementos hosteleiros da cidade, e aqueles que desexen participar poderán anotarse a través da web do concurso, tapaspicadillo.es, ata o xoves 9 de setembro ás 14h. Tamén nesa web poderán atopar o contacto para resolver as súas dúbidas.
Nesta edición, volverán convivir as dúas categorías de tapas, a tradicional e a creativa, ademais da categoría de maridaxe, que para esta ocasión será con viños da Denominación de Orixe Monterrei. O gañador destas tres categorías será escollido por un xurado formado por recoñecidos expertos. Todas as tapas deberán ser orixinais e preparadas para o concurso, non podendo estar en carta antes do certame e serán elaboradas principalmente con produto galego km0.
Por último, o premio Cidade da Coruña, escollido por votación popular, elixirase votando a través da web app do concurso ao que se accederá a través do QR personalizado de cada establecemento. Só será posible un voto por cada tapa.
Hostalería polo Clima
Ademais, en liña coa Política de Sustentabilidade do Consorcio de Turismo e a Norma UNE ISO 20121 de Xestión de Eventos Sostibles, os establecementos participantes no Concurso, que o desexen, poden adherirse ao proxecto Hostalería polo Clima, que conta coa colaboración de Coca Cola, a Fundación ECODES e Hostalería de España, e impulsa a acción contra o cambio climático no sector da hostalería.