Presentación da décimo sexta edición do Concurso de Tapas de Lugo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, presentaron esta mañá no Concello de Lugo a décimo sexta edición do Concurso de Tapas de Lugo.

O certame, organizado pola Apehl co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, de Estrella Galicia e do Servizo de Audivisuais da Fundación TIC, celebrarase no mes de novembro, entre os días 5 e 21, e a gran final terá lugar os días 26, 27 e 28. 

Durante o acto, tanto o presidente da Apehl como a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua amosaron o seu compromiso con esta iniciativa que, segundo aseguraron, é cada vez máis importante para a cidade e adiantaron que a partir do día 1 de setembro se abre o prazo de inscricións para todos os establecementos hostaleiros que queiran participar. Estará aberto ata o día 15 de setembro.

Cheché Real indicou que as bases do concurso e as fichas de inscricións estarán dispoñibles desde este mediodía na web apehl.org e que para a formalización das mesmas será necesario enviar ao correo comunicacion@apehl.org a ficha de inscrición cuberta, a ficha técnica da tapa con nome, descrición e fotografía e o xustificante de pago das taxas esixidas.

Ambos os dous agardan que, tras verse obrigados a aprazar esta edición pola situación epidemiolóxica vivida neste tempo, o Concurso de Tapas de Lugo se poida celebrar por fin nas datas elixidas, pois iso tamén confirmará que se atravesa unha boa etapa fronte a covid-19, e axude a reactivar a economía dos establecementos hostaleiros de Lugo, como o viña facendo ano tras ano.