Rematan as visitas teatralizadas e caracterizadas ao Castelo de Soutomaior


Os programas de visitas caracterizadas e teatralizadas ao Castelo de Soutomaior, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha no 2016 para valorizar a emblemática fortificación e impulsar experiencias turísticas nesta excepcional contorna, acumulan nestes cinco anos un total de 3.400 persoas asistentes. Delas, preto de mil están a participar na actual edición destes programas, que arrancaron no mes de maio e rematarán o vindeiro 6 de setembro coa última das visitas teatralizadas, unha sesión para a que xa non quedan prazas. 

Trátase de dúas das actividades de maior acollida de entre as desenvolvidas pola institución provincial no Castelo de Soutomaior. As primeiras visitas caracterizadas tiveron lugar en 2016. Aquel ano acudiron 500 persoas. A posta en valor do Castelo co seu proxecto de musealización un ano máis tarde foi un punto de inflexión para a afluencia de público ao castelo e viuse reforzada en 2017 co nacemento das visitas teatralizadas. Xa nesa primeira anualidade alcanzaron un milleiro de persoas.

Este ano, o programa de visitas teatralizadas adaptouse tamén á situación derivada da Covid e os datos demostran que tivo unha excepcional resposta, converténdose nunha das opcións turísticas do verán, tras esgotarse as preto de 700 prazas ofertadas. Só quedan dúas sesións por celebrar, a primeira este luns 30 de agosto, para a que quedaba unha soa praza, e a do 6 de setembro, xa co cartel de completo. Estas visitas, dirixidas ao público familiar, consisten nun percorrido dunha hora de duración no que as familias poden coñecer a historia do castelo a través da peza teatral “Irma e Diña” na que aparecen personaxes tan coñecidos como Pedro Madruga e Paio Gomes. A actividade teatral é participativa, educativa, dinámica e divertida, e o guión xira ao redor de Pedro Madruga. O seu leal acompañante, Paio Gomes, é o encargado de poñer música ás andainas e aventuras de Madruga, así como tamén ás historias doutras figuras fundamentais no Castelo como María Vinyals. Pero as protagonistas da peza son as labregas Irma e Diña, que contan a historia do pobo, os costumes e formas de vida na Galicia do século XV, poñendo o acento no importante papel desenvolvido polas mulleres labregas.

En canto ás visitas caracterizadas, tralo paréntese do pasado ano por mor da pandemia, este 2021 teñen regresado con forza, con máis de 300 asistentes ata o pasado mércores 25, data na que finalizou a actual edición. Este programa está especificamente dirixido ao público adulto. No percorrido, de 60 minutos de duración, camíñase polo parque botánico e o xardín de excelencia internacional do castelo, coñécense as árbores senlleiras, o xardín francés, as sequoias ou os viñedos. Todo elo da man de tres guías que están caracterizadas como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria. 

Amais destas visitas, o Castelo de Soutomaior segue a encherse este verán coas actividades culturais promovidas pola Deputación baixo a programación “Tras as Ameas”, que ao igual que “Re-acción nos Castelos” o pasado ano, ten colgado o cartel de completo na maioría dos espectáculos. É o caso da vindeira actuación teatral de Ghazafelhos o 1 de setembro, que representará “A illa do tesouro”. Si quedan localidades para a última actuación do ciclo, o día 29 de setembro, con Vero Rilo e Sonsoles Penadique. As persoas interesadas aínda poden reservar praza a través do formulario que atoparán na web da Deputación (www.depo.gal). Por outra banda, os xardíns do Castelo serán tamén escenario dunha das actuacións programadas no ciclo da Deputación “Música no Ar”, en concreto o 9 de setembro con Pulso Ensemble. Para asistir, hai que facer a reserva no correo participa.cultura@depo.es.