Vendima madrugadora en Valdeorras


Os traballos de recollida da uva iniciaranse en Valdeorras este sábado 28 de agosto, en concreto na adega Valdesil, e agárdase, tal e como sinalou o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, que a colleita sexa “óptima, tanto en cantidade coma en calidade”. O organismo agarda poder superar os 5,5 millóns de quilos de uva recollidos na pasada campaña nunha vendima que se estenderá, posiblemente, ao longo dos vindeiros dous meses.

Precisamente, o Pleno do Consello Regulador reunido en Vilamartín de Valdeorras acordou, coma en anos anteriores, a contratación de vedores para a vendima 2021 a través dunha empresa de traballo temporal. Xunto a iso, aprobou as normas para a vindeira campaña tanto para estes vedores, como para adegas e explotadores.

Xunto a isto, en tempo de vendima, en concreto entre o 15 de setembro e o 17 de outubro, suspenderanse as catas que, con regularidade, se realizan nas instalacións do Consello Regulador en Vilamartín de Valdeorras.