A Deputación de Lugo aposta polo turismo de proximidade co programa “coñece a túa provincia”


Trátase dunha actividade destinada a asociacións e entidades sen ánimo de lucro da provincia que consiste en viaxes gratuítas por distintos puntos da xeografía lucense. Este outono celebrarase a primeira quenda, coa participación de máis de 1.200 persoas de 62 asociacións, e en 2022 levaranse a cabo unha edición en primavera e outra tras o verán. O programa é unha iniciativa totalmente gratuíta para os beneficiarios que contará con visitas realizadas por profesionais que dispoñen da habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa. 

A Deputación de Lugo xa ten en marcha o novo programa co que aposta por incentivar o turismo de proximidade, de calidade e sostible: Coñece a túa provincia. Trátase dunha iniciativa enmarcada no Plan de Impulso da Economía lanzado pola institución provincial para favorecer a recuperación dos sectores máis afectados pola pandemia, que consiste en viaxes gratuítas, en pequenos grupos, dunha xornada de duración, por distintos puntos da xeografía lucense, seguindo diversas rutas. O programa está dirixido a asociacións e entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia.  

Os 62 entes seleccionados despois de que formularan unha solicitude para participar nesta primeira tempada do programa Coñece a túa provincia poden escoller entre os 37 itinerarios ofertados: 8 na comarca da Mariña, 10 rutas pola Ribeira Sacra, 8 percorridos pola zona de Ancares-Courel e 11 propostas restantes que percorrerán as comarcas de Lugo e Terra Chá. 

Entre os lugares que poden coñecer están algúns de interese natural, como o litoral da Mariña ou as Terras de Burón; centros históricos de cidades e vilas, pero tamén recursos patrimoniais como a fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo, os camiños de Santiago ou algunhas das igrexas incluídas na Ruta Transrománica, da que forma parte a Deputación de Lugo. 

O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, valorou positivamente esta iniciativa gratuíta e recoñeceu estar “moi satisfeito do poder de convocatoria que tivo esta iniciativa, que naceu con vocación de continuidade e que creemos que contribuirá, de maneira moi importante, á recuperación sostible do sector turístico, da hostalería e do comercio local, dos sectores máis castigados pola pandemia, gracias ó seu  efecto multiplicador”. 

“Coñece a túa Provincia inclúe o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Uns servizos que serán gratuítos para os participantes”, destacou o Presidente. 

Este outono celebrarase a primeira quenda, coa participación de máis de 1.200 persoas de 62 asociacións, e en 2022 levaranse a cabo unha edición en primavera e outra tras o verán. 

As viaxes do programa Coñece a túa provincia terán lugar sempre cumprindo coas medidas de prevención da Covid-19 decretadas polas autoridades sanitarias en cada momento.