A Raid Gallaecia-AR World Championchip 2021percorrerá 21 concellos de Ourense


Preto de 100 equipos con case 400 deportistas procedentes de 27 países dos continentes europeo, americano e euroasiático competirán do 2 ao 9 de outubro na Raid Gallaecia-AR World Championchip 2021, nunha edición récord en canto a participación na historia das carreiras de aventura e onde Ourense vai ter un especial protagonismo, xa que dos 630 quilómetros dos que consta a proba 260 discorrerán por 21 concellos da provincia. 

Así quedou reflectido na presentación do campionato do mundo de aventura celebrada no balneario de Laias, coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o director técnico da carreira, Pablo López; os alcaldes da Rúa, Álvaro Fernández; da Peroxa, Manuel Seoane; e Cenlle, José Manuel Rodríguez; ademais do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Manuel Baltar destacou que a inclusión da provincia nun campionato mundial "de altísimo nivel e cos mellores deportistas nesta especialidade demostra que o noso territorio é a plataforma perfecta para seguir implantando un ecosistema de turismo deportivo do que tanto falamos, pero que non é novo". 

Esta proba, dixo, "e un paso máis nesa estratexia que iniciamos hai anos e que agora podemos dicir que está plenamente consolidada", destacando que no balneario de Laias, onde se presentou o campionato, "comezamos a desenvolver esta filosofía de traballo atraendo a destacadas seleccións mundiais de remo e piragüismo para preparar os campionatos máis importante do mundo e ata os xogos olímpicos, e froito dese traballo de novo a estación de montaña de Manzaneda volverá a ser eixo deportivo".