Os Trens Turísticos de Galicia acadaron este ano a mellor ocupación da súa historia


Os Trens Turísticos de Galicia acadaron este ano a mellor ocupación da súa historia coa venda do 97,5% das prazas dispoñibles, coa venda de 1.493 billetes, dos 1.532 que se ofertaron na presente edición, segundo destacaron o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda,e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, que fixeron balance da presente campaña previo á reunión que mantiveron e e na que estiveron presentes tamén a directora e o xerente de Turismo de Galicia, Nava Castro e Emilio de la Iglesia.

O Tren Turístico de Galicia, que pecha o día 9 a oitava campaña -a do 2020 non se celebrou por mor da pandemia- programou un total de 22 saídas por 11 itinerarios que percorreron as rutas do viño, os xardíns, os principais mosteiros, pazos e faros, a oferta gastronómica e percorridos polo Camiño de Santiago, sempre con guías turísticos e ofrecendo aos viaxantes a posibilidade de achegarse tamén en tren ao punto de saída das viaxes.

O 80,5% dos viaxeiros desta edición foron adultos, mentres que outro 15,4% foron menores de idade e o 4,1% restante o formaron grupos. O Tren Turístico de Galicia é unha iniciativa posta en marcha no ano 2013 entre Turismo de Galicia, Renfe e Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) que, de media, acadou unha ocupación do 80,8% nas súas oito edicións.

A Xunta mantén outros convenios turísticos con Renfe que están a dar tamén os seus froitos, como os descontos do Galicia RailPass para peregrinos e viaxeiros do tren turístico ou o acordo acadado por mor do Xacobeo para a promoción do dobre Ano Santo.