Pérez Jácome auncia un `metro-bus´para Ourense


O 90% dos barrios de Ourense cidade terán un autobús urbano cada 9 minutos. Así o avanzou o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, anunciando unha revolución no transporte público na cidade que garantirá servizos “cunha cobertura e frecuencia inéditas en España”, e que suporá dispoñer “de facto, un metro de superficie”.

Ourense terá un “servizo premium”, asegura o alcalde, quen detalla que “as paradas de buses estarán situadas a un radio inferior de 600 metros do 90% das vivendas de Ourense. Trátase de optimizar, reconfigurar liñas e crear un novo concepto de bus urbano”, explica o rexedor.

O alcalde ultima a licitación do servizo de transporte, e a compra de 43 novos autobuses para este mes de outubro, no seu sistema que en Ourense denominarase Metro-Bus.

As novas liñas, deseñadas integramente polo propio rexedor, basearanse nunha liña troncal Norte-Sur de alta frecuencia, que circulará cada 5 minutos. A esta liña desembocarán todas as procedentes de todos os barrios urbanos, que terán unha frecuencia de 9 minutos. Desaparecerán, en consecuencia, os horarios fixos dos autobuses urbanos e usarase un medidor de intervalo de frecuencias entre autobuses, tal como fan as liñas de transporte do metro.