120 fotografías do século XIX ao XXI que percorren o Camiño desde O Porto

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, unha exposición composta dunha selección de 120 fotografías do século XIX ao XXI que percorren o Camiño desde O Porto a Santiago de Compostela da man de figuras consagradas e emerxentes da arte fotográfica. 

O titular de Cultura do Goberno galego destacou na inauguración da mostra o xeito en que este percorrido expositivo “se aproxima á riqueza paisaxística e monumental do Camiño Portugués para facernos novamente conscientes do seu valor patrimonial e convidarnos a redescubrilo cos ollos de quen o mira por primeira vez”. O acto contou ademais coa participación da comisaria da exposición, Lucía Laín, e a presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, e a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, ademais de varios dos fotógrafos presentes nesta mostra.

Neste sentido, salientou o conselleiro, “grandes figuras da arte fotográfica a ambas beiras do Miño e artistas de procedencias diversas que transitaron polos sendeiros desta ruta histórica”. A través desta exposición, continuou o representante da Xunta de Galicia, “préstannos os seus ollos para que nos embebamos das imaxes e as emocións que asaltan a quen visita cada un deses lugares e as poidamos vestir como unha segunda pel”.

Unha viaxe en 42 olladas

Entre as e os artistas que fotografaron os lugares, camiños e as xentes da parte galega desta ruta desde o século XIX ata os nosos días, e que aparecen compilados nesta nova exposición, cóntanse José Suárez, Otto Wunderlich, Carmenchu Alemán, José Moreira, Joaquín Pintos, Jaime Pacheco ou Vari Caramés, entre outros moitos. Por outra banda, nos vieiros do percorrido en Portugal, os rostros e vilas que o poboan foron retratadas polas lentes de Artur Pastor, Emilio Biel, Alberto Marçal Brandão, Octávio Lixá Filgueiras, Nicolás Muller, Juan Rodríguez, Juan Manuel Castro Prieto, Guedes, José Gouveia Gomes Junior, Aurelio Paz dos Reis ou Helga Schmidt-Glassner.

Canda as súas imaxes, a exposición compila traballos de artistas emerxentes da fotografía con imaxes a unha e outra beira do Miño, como Luis Vioque, Verónica Vicente, Iñaki Matilla, Nicolás Combarro, Antón Buciños, Blas González, Eva Díez, Jesús Madriñán, María Messeguer, Miguel Muñiz, Luis Otero, Roberto de la Torre, Keila Pousa, Fernando Rey Daluz, Modesto Martínez, Carla Andrade ou Tono Arias.

As imaxes dunhas e doutros técense con referencias literarias de autoras e autores que retrataron con palabras ese mesmo camiño e as xentes que o percorreron e o transitan, desde Miguel de Unamuno a Luís de Camões, Catherine Gasquoine, Rosalía de Castro, Antonio da Costa ou Emilia Pardo Bazán.

Destacados arquivos e coleccións

A recuperación e exposición desta selección de imaxes é posible grazas á colaboración de numerosas entidades, asociacións, colectivos e particulares implicados na recuperación do patrimonio fotográfico local dos municipios que percorre o Camiño Portugués. Neste sentido, a mostra inclúe fotografías pertencentes aos Arquivos Municipais do Porto e de Lisboa, ao Centro Portugués de Fotografía, ao Instituto do Patrimonio Cultural de España, á Colección Ana Muller do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid, ao Arquivo Fotográfico Pacheco do Concello de Vigo, ao Arquivo José Suárez, ao Museo de Pontevedra ou o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, entre outros.

O labor de catalogación, documentación e conservación destas entidades, e o seu compromiso na preservación da nosa memoria visual, foi tamén destacado polo conselleiro de Cultura, quen abondou ademais en que grazas a iniciativas coma este proxecto expositivo “afondamos na irmandade entre os territorios, a lingua e os pobos portugueses e galegos unidos neste percorrido, a través dun outeiro desde o que contemplar este trazado común da historia onde as fronteiras se dilúen e os relatos se unen para virar nun só que se transmite canda os ecos do Camiño”.

A exposición, que abrirá as súas portas ao público mañá xoves, poderá visitarse no terceiro  andar do Museo Centro Gaiás ata o vindeiro 17 de abril de 2022. Conta con entrada de balde, de martes a domingo e de 10,00 a 20,00 horas.