58 establecemento participan no XVII Concurso de Tapas Picadillo

 

A cidade da Coruña volverá gozar das mellores tapas no XVII Concurso de Tapas Picadillo 2021 entre o 4 e o 14 de novembro. O concurso, que toma o nome de Manuel María Puga y Parga, máis coñecido como "Picadillo", quen foi alcalde da Coruña entre os anos 1915 e o 1917 e tamén foi un recoñecido escritor e gastrónomo, é o máis antigo de Galicia e foi presentado esta mañá no Pazo de María Pita polo concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego.

Nesta ocasión participan 58 establecementos cun total de 72 tapas. Delas, 42 farano na categoría tradicional e 30 na creativa. Ademais, 22 tapas participan tamén na categoría maridaxe para a que este ano conta coa colaboración da D.O. Monterrei. “A Coruña é un dos destinos de turismo gastronómico máis puxantes de Galicia”, indicou Juan Ignacio Borrego, que celebrou o regreso do certame tras a obrigada cancelación do pasado 2020.

Todas as tapas son deseñadas especificamente para o concurso e son elaboradas de maneira artesanal e sempre incluíndo produtos galegos. Ademais, 28 desas tapas son aptas para xente celíaca para o cal contouse coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA).

Co obxectivo de facilitar a degustación das tapas, o Concurso deseñou catro rutas. A primeira comprende as zonas de Monte Alto, Campo da Leña, Cidade Vella, A Mariña e A Franxa; a segunda as rúas da Barreira, a Estrela, a Galera, San Andrés e Olmos; a terceira sería pola Alameda, Prazas de Galicia e Vigo e Juan Flórez e a cuarta e última iría pola Rolda de Outeiro, As Roseiras, Os Mallos, Catro Camiños e Matogrande.

Para ser admitido a concurso, as tapas pasaron unha fase previa de avaliación e unha vez en concurso, un xurado de expertos escollerán as mellores tapas baseándose nos criterios de sabor, elaboración, presentación e relación calidade-prezo. Seguindo estes criterios nunha terceira fase será un novo xurado de expertos o que escolla a tapa gañadora en cada categoría. Por outra parte, as tapas participantes na categoría maridaxe serán valoradas por un xurado de catadores e expertos en viño.

Paralelamente, durante os días que dure o concurso, o público poderá votar as tapas participantes para o Premio Picadillo Cidade da Coruña. Como novidade, este ano a votación será a través dunha web-app creada para o certame. Para o público participante tamén haberá premios, entre os que se inclúan menús nos establecementos gañadores, entradas en Termaria, viaxes en veleiro pola Ría da Coruña, ou rutas en 4x4 e motos de auga.

Ademais, este luns 25 tivo lugar un encontro gastronómico con 1906 en MEGA onde o chef Manuel Costiña do restaurante Retiro da Costiña (Estrela Michelín) impartiu unha formación específica en gastronomía de pequeno formato que se completou cunha en técnicas de maridaxe por parte do departamento de Cultura da Cervexa de Hijos de Rivera.

Para os establecementos gañadores o premio será de 1.000€ nas categorías tradicional e creativa ademais do diploma conmemorativo e a chaquetilla e de 500€ nas categorías de maridaxe e de voto popular.