A Xunta aposta pola calidade diferenciada que ofrecen a agricultura e a gandaría ecolóxicas como vía para aumentar a rendibilidade do sector agroalimentario galego. Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, na clausura dun curso convocado en Lugo para animar á incorporación á produción ecolóxica, como parte dunha serie de iniciativas formativas impulsadas en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
Así, o director da Agacal puxo en valor este xeito de producir máis sustentable e respectuoso co medio ambiente que cada vez conta con máis aceptación no mercado, a través de produtos como o leite ou a carne ecolóxicos. Nesa liña, recordou as posibilidades que ofrecen os distintos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -nomeadamente, as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta- para promover nova actividade agraria rendible, neste caso, con orientación ecolóxica.