Estratexia do viño para un sector máis competitivo



A Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia-impulsada pola Xunta a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e da Consellería do Medio Rural- ten como principal obxectivo conseguir un sector consolidado e competitivo nos mercados nacional e internacional, cun enoturismo de referencia e con capacidade para xerar valor nas comarcas vitivinícolas de xeito sustentable. Persegue, ademais, aumentar o valor engadido dos viños galegos, mellorando a rendibilidade e a sustentabilidade da produción vitícola.

Así o trasladou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, en resposta a unha pregunta no pleno do Parlamento na que debullou os principais contidos desta planificación estratéxica, un documento que -destacou- xa está a dar os seus froitos e que “contou cun intenso traballo participativo de todos os axentes da cadea de valor do viño galego”.

Nesta liña, González puxo en valor o feito de que o vitivinícola sexa un dos eidos produtivos “máis dinámicos e internacionalizados” da economía agraria de Galicia. Así, salientou que o sector aglutina,entre as cinco denominacións de orixe protexidas (DOP) e as catro indicacións xeográficas protexidas (IXP) de viño galego, máis de 10.000 viticultores e case 500 adegas, achegando un valor económico do viño cualificado de máis de 230 millóns de euros.