O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, acompañado da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; da concelleira de Cultura e Turismo e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e do deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, presentou ea décimo sexta edición do Concurso de Tapas de Lugo.
O certame está organizado pola Apehl co
patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración de Estrella Galicia e do
Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, así tamén estaba
presente no acto en representación deste Consello, Marta Villén. Celebrarase do 5 ao 21 de novembro e a final entre 26 e o 28 do mesmo mes.
Durante o acto, o presidente da Apehl amosou a
súa satisfacción por retomar esta iniciativa que, segundo asegurou, é esta vez
máis necesaria ca nunca para dar “un impulso á hostalería durante este proceso
de reactivación que estamos atravesando tras a pandemia. Debemos volver pouco a
pouco a retomar certas costumes con respecto, pero sen medo”.
O presidente da Apehl, Cheché Real, agradeceu a participación de todos e cada un dos establecementos participantes e destacou o esforzo que o seu traballo implica durante estes días de certame.
Como vén sendo habitual, os prezos das tapas
estarán entre 2 e 3 euros e poderanse degustar, como mínimo, de 13:00 a 15:30
h e de 20:00 a 22:30 h.
Os consumidores votarán as tapas do concurso
mediante o cupón de votación individual, que terá que ir selado polo
establecemento correspondente e cuberto cos seus datos. A valoración é do
1 ao 5, sendo 1 a nota máis baixa e 5, a máis alta. Todos estes cupóns entrarán
no sorteo de distintos premios, ceas e vales do Burela FS, do CB Breogán, do CD
Lugo, do Emevé Lugo e do Ensino Lugo.