A Deputación de Lugo recupera o 100% da capacidade do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. Esta medida, efectiva dende o sábado, adoptouse tras o cambio das disposicións sanitarias autonómicas, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), co que se pon fin á situación de emerxencia sanitaria e, polo tanto, ás restricións de aforo.
Esta medida devolve á normalidade o servizo turístico da institución provincial que dinamiza a economía da Ribeira Sacra, sobre todo na hostalería e no comercio. Desde o organismo provincial manteranse vixentes as restantes medidas de prevención e contención da Covid-19, como as distancias de seguridade, o uso de máscaras, a desinfección dos monocascos ou a hixiene de mans. Tamén se continuará evitando que se produzan concentracións de persoas nos embarcadoiros.
O aumento de viaxeiros potenciará o efecto multiplicador que este servizo turístico da Deputación ten na economía da Ribeira Sacra, sobre todo na hostalería e no comercio local. As rutas continúan ata a Ponte de decembro con dúas viaxes por día de mércores a domingo.
As persoas que o desexen poden reservar o seu billete na páxina web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.