Manuel Baltar expresou a súa satisfacción por un acordo que demostra "a repercusión que ten na sociedade un evento tecnolóxico das características da Mobile Week, o que nos vai permitir seguir avanzado no obxectivo de converter a provincia nun territorio intelixente". Un proceso de transformación dixital "que non entende de fronteiras e no que o traballo en rede axudaranos a ser máis competitivos no ámbito económico, pero tamén beneficiar ao conxunto da poboación que reside na área transfronteiriza máis extensa entre España e Portugal, conservando ao mesmo tempo os lazos históricos e culturais que nos unen".
O plan "5G-allaecia" ten como obxectivo fomentar a colaboración público-privada para facer fronte á transformación dixital que supón a implantación do 5G, que terá un impacto que vai máis aló do mero cambio tecnolóxico nas redes e infraestruturas de comunicación móbiles, con consecuencias na economía e na sociedade, ademais dun aumento sen precedentes no número de dispositivos conectados, no volume de transferencia de datos e na capacidade de xestión remota en tempo real.
O convenio tamén procurará a implicación da sociedade, as universidades e as administracións na aplicación práctica desta quinta xeración nas comunicacións móbiles, así como tamén o fomento neste campo do I+D+i entre as empresas tecnolóxicas.A Deputación de Ourense, a Asociación Empresarial de Portugal e Red Mundo Atlántico tamén se comprometen a estudar a captación de fondos públicos e investimento privado para o desenvolvemento destes obxectivos, sen esquecer accións de promoción para dar a coñecer este plan entre a poboación dos territorios implicados.