A Coruña reforza a súa aposta pola gastronomía co VI Boucatise e as II Xornadas Territorio Atlántico - Reserva da Biosfera
O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, a través do seu presidente e concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, ven de presentar unha dobre cita gastronómica que se realizará neste mes de decembro co VI Boucatise Festival do Bocata Gourmet e a segunda edición das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico - Reserva da Biosfera. No acto de presentación tamén participaron o xerente de Turismo, Moisés Jorge Naranjo, e o vicepresidente do Consello de Dirección da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, César Longo Queijo.
Este decembro gastronómico comezará na fin de semana do 4 e 5 coa sexta edición do Festival do Bocata Gourmet: Boucatise. O certame, que busca homenaxear unha das nosas comidas máis populares, fai un percorrido pola gastronomía e materia prima galega da man de recoñecidos/as cociñeiros/as da nosa cidade desde a filosofía "street food" (comida na rúa).
O Festival, que se desenvolverá o sábado e domingo entre as 12.00 h e as 17.00 h no Mercado de San Agustín, contará coas creacións dos establecementos A Parva, La Teresa, Greca Bar, La Conquista, La Cuchara Veggie, La Mansión 1783, Nana Pancha, Restaurante Óvera, Roots e Charlatán. Tamén haberá opcións doces da man de Habaziro e Café Veracruz. Todas as propostas terán un prezo de entre 3 e 6 euros.
Como novidade este ano, ao remate do evento, elixirase o Mellor Bocata Boucatise 2021 e o Mellor Bocata Boucatise 2021 - Maridaxe Estrella Galicia. Elixiranse por votación popular votando cos códigos QR que haberá en cada un dos postos e están dotados cun premio de 500 € cada un. As persoas que participen nas votacións optarán ao sorteo de experiencias gastronómicas nos restaurantes de Boucatise.
Ademais, durante as dúas xornadas haberá diversos showcookings da man de chefs coruñeses nos que se amosarán novidades e se impartirán receitas de cociña, que serán tamén retransmitidos na canle de Youtube de Turismo da Coruña. Para asistir a eles é preciso inscribirse na web do festival. Tamén haberá picadiscos e actividades infantís para amenizar o ambiente.
Por outra parte, a segunda edición das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico - Reserva da Biosfera buscará, desde o día 6 ata o 19 de decembro, amosar as mellores propostas dos establecementos coruñeses con produtos quilómetro cero da man de produtores da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.
Neste certame, os establecementos participantes serán 55 Pasos, A Parva, Charlatán, EME Taberna, Vinoteca Jaleo, La Mansión 1783, Millo Orzán, Peculiar, Pracer, Restaurante Óvera, Greca Bar, Taberna 5 Mares, Pablo Gallego e Restaurante Bido.
Toda a información sobre estes dous eventos estará dispoñible en boucatise.coruna.es e territorioatlantico.es