Túnel do viño dos Viños das IXP de Galicia en Pontevedra


O Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Jose Luis Cabarcos Corral, o Alcalde de Pontevedra e Presidente do GDR Pontevedra-Morrazo, Miguel Anxo Fernández Lores, a Alcaldesa de Marín e Vicepresidenta do GDR Pontevedra-Morrazo, María Ramallo Vázquez, así como alcaldes e representantes institucionais dos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Ponte Caldelas, Poio, Vilaboa e Redondela, e doutros concellos que forman parte do GDR Pontevedra-Morrazo, estarán presentes na inauguración do primeiro Túnel do viño dos Viños das IXP de Galicia o sábado 20 de novembro ás 10.30 na sede do GDR Pontevedra Morrazo (Lugar Os Campos, 19. Mourente, Pontevedra).

No acto de apertura do Túnel contémplase a lectura dunha declaración institucional, a través da que se busca o compromiso das entidades locais cos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas para a promoción dos seus viños, o fomento do seu consumo e o reforzo do sector vitícola no territorio. Ao longo do día desenvolveranse catas dirixidas a diferentes perfís: institucións, hostalería, prescritores e público xeral. As prazas para público xeral están esgotadas. Degustaranse viños de todas as IXP de Galicia para coñecer as súas características diferenciais, poñendo o foco nas elaboracións da Indicación anfitrioa: Ribeiras do Morrazo.