O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou que o Centro Astronómico de Trevinca "é un novo proxecto estratéxico que se suma ás singularidades dos atractivos de Ourense, pois en España hai pouco máis dunha ducia de destinos Starlight, e está chamado a ser un referente en Galicia e no noroeste peninsular". Manuel Baltar fixo estas declaracións durante a visita inaugural que realizou ás instalacións, que contaron coa colaboración económica da institución provincial, percorrido no que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, ademais do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e alcaldes da comarca.
Desde Pena Trevinca, "o punto máis alto de Galicia que nos ofrece aos ourensáns unha ampla perspectiva do que está a suceder e prepararnos para o que ven, non para o que hai", o presidente provincial subliñou que o Centro Astronómico é o resultado de dous factores. O primeiro, "a cooperación entre os gobernos local, provincial e autonómico", e o segundo "a visión como unha das competencias e actitudes innatas en política, neste caso unha aposta do alcalde da Veiga que desde o primeiro momento tivo o apoio da Deputación, sendo todo un acerto".
As instalacións, engadiu, "convértense nun motivo máis para atraer turismo, pero tamén para facer un gran labor divulgativo, ofrecendo aos visitantes un excelente lugar para a observación do ceo a pouco máis de dúas horas da capital de España, como así vai ocorrer a partir do 21 de decembro". Manuel Baltar foi máis aló e en clave histórica apuntou a relación do territorio co mundo da astronomía ao lembrar que foi "un ourensán de Xunqueira de Ambía, Benjamín Suárez Estévez, a persoa que deseñou a cámara fotográfica coa que se tomou a imaxe máis famosa da humanidade: a chegada do home á lúa".
O presidente provincial tamén agradeceu "a vocación" do director do Centro Astronómico, Óscar Blanco, por facer realidade unhas instalacións que o propio Blanco afirmou "están situadas no mellor lugar de Galicia para ver as estrelas e onde faremos ciencia en colaboración con outros observatorios de España e do mundo".O alcalde da Veiga, pola súa banda, puxo en valor a colaboración que sempre atopou no goberno provincial e, nomeadamente, no presidente da Deputación, "xa que todos proxectos que dinamizaron A Veiga nos últimos anos non poderían se realidade sen a súa colaboración". Un agradecemento que tamén fixo extensivo á Xunta de Galicia, "pola súa discriminación positiva", e ao conxunto da veciñanza, o seu equipo de goberno e os traballadores municipais "que cren cada día no que facemos".
Observación, estudo científico e divulgación
A construción do Centro Astronómico de Trevinca ten como punto de partida a inclusión do concello ourensán no grupo de Destinos Starlight, pasando a ser desde agosto de 2015 un dos quince lugares do mundo onde mellor se ven as estrelas. Esta certificación, concedida pola Fundación Starlight, recoñece precisamente a Pena Trevinca como un punto xeográfico perfecto para a observación astronómica pola case nula contaminación de luz no seu punto máis alto, ademais de cumprir con outros requisitos como a dispoñibilidade de aloxamento, medios de observación e persoal formado para interpretación astronómica.
Localizado nun monte de man común de tres pobos (Valdín, Baños e Corzos), a unha altura de case 1.400 metros, as instalacións supuxeron un investimento de preto de 600.000 euros achegados pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Entre as dúas dotacións conta con dúas cúpulas de observación, telescopio solar, un planetario, simulador de voo, unha exposición de materiais procedentes meteoritos e unha ampla variedade de material didáctico para unha das súas importantes funcións como é a divulgación.