100.000 euros da Deputación para o funcionamento de Exponav en Ferrol


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o almirante do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, asinaron o convenio polo que a institución provincial financia os gastos de funcionamento da Fundación e o Museo da Construción Naval de Ferrol (Exponav).

A Deputación financia con 100.000 euros anuais, o que supón o 80% do orzamento do centro para este fin, a actividade deste espazo museístico, único en España nas súas características, dedicado a divulgar a importancia social e económica que a actividade da construción naval ten e tivo ao longo da historia para a comarca ferrolá, e que dispón dun fondo documental único na súa categoría, con máis de 40.000 monografías e 100.000 planos de buques.

Con estes fondos financiarase os servizos de guías e atención aos visitantes, mantemento e limpeza do inmoble, organización de exposicións e eventos, dixitalización de arquivos documentais, ou adquisición de novo material expositivo, entre outras actividades, durante todo o ano.

O presidente Valentín González Formoso destacou que "nos últimos anos a Deputación da Coruña consolidou o seu firme compromiso con Exponav a través de achegas económicas importantes para manter a actividade dun museo de referencia a nivel estatal no seu ámbito e un importante recurso turístico para Ferrol e para a unha comarca na que a construción naval estivo e está sempre moi presente".

Este compromiso explicítase na importante achega económica anual da Deputación, que supera amplamente á que veñen investindo outras administracións coma a Xunta de Galicia.


Despedida do xerente

González Formoso despediuse tamén persoalmente de José María Cardona, xerente da Fundación Exponav, que onte anunciou na reunión do padroado da entidade que deixa o cargo tras case unha década.

Valentín González agradeceu o seu traballo e dedidación para manter e mellorar a colaboración entre Exponav e a Deputación da Coruña durante os últimos anos.