A Xunta acordou esta tarde co ocio nocturno as medidas a adoptar durante o Nadal debido á covid. Os negocios poderán elixir entre abrir a fin de semana de Fin de Ano, entre o 30 de decembro e o 2 de xaneiro -ambos incluídos-, ou optar a unha liña de axudas con distintos tramos en función dos metros cadrados de cada local. Tanto nesta fin de semana de Fin de Ano como desde o 3 ata o 18 de xaneiro todos os locais do sector poderán abrir ata as 03,00 da madrugada.
Así se abordou nunha reunión que mantiveron hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con representantes do ocio nocturno. Ao encontro tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
Nas axudas para os locais que na fin de semana de Fin de Ano decidan pechar estableceranse distintos tramos en función da superficie de cada un: 2.500 euros para os locais de menos de 100 metros cadrados, 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados, 9.000 euros para os de 250 a 500 metros, 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros, 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros e para os que superen os 2.000 metros fíxanse 45.000 euros. A orde está previsto que se publique en xaneiro co obxectivo de que se comecen a abonar as axudas ao mes seguinte, mantendo a axilidade das anteriores liñas de apoio ao sector.
A continuación, celebrouse un encontro con representantes da hostalería e restauración no que se lembrou que os locais deste sector en Noitevella deberán pechar ás 01,00 horas e non poderán abrir antes das 10,00 horas do 1 de xaneiro. Ata o 18 de xaneiro, tal como acordou o comité clínico na última reunión, o horario de apertura neste sector fíxase ás 00,00 horas todos os días, salvo os venres e sábados que se amplía ás 01,00 h.
Alfonso Rueda lembrou a importancia do diálogo fluído e constante con ambos sectores desde o comezo da pandemia cos que chegou a acordos como os de hoxe co ocio nocturno e coa posta en marcha de plans cos que garantir a continuidade da actividade. Tamén agradeceu o compromiso para asumir as restricións cando a evolución da covid o require, ademais da necesidade de cumprir as normas para frear o avance do virus.
O Goberno galego mantívose ao lado dos hostaleiros nos meses máis difíciles da pandemia e leva feito un importante esforzo neste ano para axudar á reactivación do sector turístico no seu conxunto cun investimento que xa se achega aos 130 millóns de euros, dos que máis de 90 millóns se corresponden cos pagos realizados á hostalería a través dos 2 primeiros Plans de Rescate da Xunta e máis de 30 millóns ao plan de choque para reactivar o turismo galego.
No que se refire ao ocio nocturno - discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festa, salas de concerto e outros asimilables-, a Xunta suma coas axudas acordadas hoxe máis de 6,2 millóns de euros mobilizados para minimizar o impacto derivado do peche.
Medidas adoptadas polo comité clínico
Entre as novas medidas, destaca tamén a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para acceder aos restaurantes e no ocio nocturno durante todo o día, estendéndose a todo o horario de apertura tamén nos bares e cafetarías, onde ata agora só se requiría desde as 21,00 horas. Ademais, volverá a prohibición de consumir nas barras e manterase a limitación dun máximo de 8 persoas por mesa no interior dos locais e de 10 nas terrazas.