Achega de 81.000€ para o Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, avanzou que asinará co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aportará a esta entidade 81.000€ en dúas anualidades (2021 e 2022) co fin de sacar adiante o Plan de Sostibilidade Turística que lle foi concedido polo Ministerio de Industria e Turismo. A Deputación garante así a execución deste paquete de medidas que lle outorgou o Goberno de España a este organismo do sur da provincia co obxectivo de impulsar a transformación deste destino turístico cara a sustentabilidade. 

Esta axuda económica extraordinaria da Deputación de Lugo, que xa aprobou o venres a Xunta de Goberno, supón o 40,5% da aportación que deben facer os concellos, que asumen 200.000€ do total de 2M€ do proxecto. Deste xeito, ademais de apoiar o turismo, con esta colaboración, a institución provincial tamén coopera cos concellos.

Este paquete de medidas, que mellorará os servizos turísticos da Ribeira Sacra dun xeito integral, recolle actuacións para mellorar a mobilidade, fomentar os transportes sostibles, apostar polas rutas vinícolas e de sendeirismo, recuperar espazos naturais ou accións formativas. Son un total de 38 liñas de actuación para abordar nas vindeiras anualidades. O plan desenvolverase en tres anos e, entre os obxectivos, está propiciar a inclusión da Ribeira Sacra no club de produto turístico Rutas del Vino de España, no que a día de hoxe só hai unha denominación de orixe galega.

Esta achega da Deputación de Lugo súmase a outras axudas que con carácter ordinario veñen recibindo os concellos a través do Plan Único. Deste xeito, os concellos poderán dedicar parte destes fondos que lles transfire a institución provincial lucense por medio do Plan Único para cubrir a súa aportación ao Plan de Sostibilidade Turística. Os 13 concellos da Ribeira Sacra lucense reciben da Deputación de Lugo a través do Plan Único un total de 4,3M€, o que supón unha aportación provincial superior ca que reciben noutras provincias.

A Deputación de Lugo quere garantir a sustentabilidade ambiental, económica e social no proceso de consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico, recentemente nomeado Reserva da Biosfera.