A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar o primeiro paso para a volta despois de dous anos de “Depotermal” coa aprobación do expediente para contratar á empresa que xestionará este programa de termalismo social, que ofrecerá no 2022 un total de 4.434 prazas, sempre que a situación sanitaria o permita. A institución provincial destinará preto de 112.000 euros a esta iniciativa, unha das de maior participación da súa programación e que busca fomentar o avellentamento activo e mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias. Así, desde 2015 un total de 12.121 persoas de toda a provincia participaron no programa.
Poderán beneficiarse as persoas empadroadas na provincia e nacidas antes do 1 de xaneiro de 1972, as que teñan a condición de pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65%, que poidan valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria. Tamén as que non cumprindo estes requisitos precisen dun respiro familiar. “Depotermal” busca deste xeito mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias establecendo novas relacións sociais e favorecendo a súa participación en actividades que melloren o seu estado anímico, promovendo espazos de encontro e o intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade. Amais de facilitar o acceso ao turismo de saúde, esta iniciativa da Deputación serve tamén como plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, ao desestacionalizar a demanda.
Das citadas 4.434 prazas ofertadas para o vindeiro ano, un total de 1.248 serán para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spas durante cinco mañás ou tardes consecutivas. Neste caso, 186 das prazas serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social que a Deputación subvencionará con 107,10 euros por praza, mentres que no caso das 1.062 restantes subvencionará un máximo de ata 53,5 euros en función da renda. E, por outra banda, o programa termal con pernoita e réxime de pensión completa de domingo a venres, contará con 3.186 prazas, das que 124 serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. Nese caso a institución provincial subvencionará 280,73 euros por praza.
Trala adxudicación da contratación á empresa xestora, publicarase a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e as persoas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar a súa solicitude. Terán a súa disposición un formulario na web da Deputación que terán que cubrir e que poden presentalo electrónica ou presencialmente.
A Deputación ten tamén un rexistro de concellos adheridos ao plan, que como entidades colaboradoras facilitarán as persoas a realización dos trámites e axudas caso de poder optar a elas. Forman parte dese rexistro 53 concellos: Agolada, Arbo, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro. Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía e Vilanova.