Dous montes de Cerdedo-Cotobade no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar un anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de dous montes do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Por unha banda, o do monte de San Xurxo de Sacos, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común homónima, e o do monte de Viascón, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común homónima.

No caso de San Xurxo de Sacos inscribiranse 20,14 hectáreas e no de Viascón un total de 7,02 hectáreas. En ambos casos, os montes inscritos están compostos por carballos (Quercus robur), castiñeiros (Castanea x hybrida), bidueiros (Betula celtiberica) e salgueiro bravo (Salix atrocinerea).

A partir de mañá, do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Pontevedra os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que, na actualidade, xa existen 30 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 2 na provincia da Coruña, 9 en Lugo, 13 en Ourense e 6 en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 2.200 hectáreas.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

l