Galicia, quinta comunidade máis visitada segundo o Instituto Nacional de Estatística


Os últimos datos que acaba de facer públicos o Instituto Nacional de Estatística sobre a evolución do turismo en España volven deixar boas noticias para o sector galego. A enquisa de turismo entre os residentes en España correspondente ao terceiro trimestre deste ano reflicte como Galicia escala unha posición entre os destinos preferidos polos turistas españois para situarse como a quinta comunidade que máis visitantes recibiu no conxunto dos meses de xullo, agosto e setembro, cun total de 3.520.573 persoas.

Esta cifra non só supón un incremento porcentual con respecto ao trimestre anterior, posto que pasa Galicia de acumular o 5 % do turismo nacional a sumar o 6,2 % do total, senón que volve demostrar a maior capacidade de recuperación do sector turístico na comunidade. Os 3,5 millóns de visitantes que recibiu Galicia durante o pasado trimestre constitúen un aumento de máis de 800.000 con respecto ao mesmo trimestre do ano pasado, o que sitúa o aumento porcentual entre aquel período e o deste ano nun 30 %, case 7 puntos máis que a media nacional.

Ademais, estes datos permiten ao sector turístico galego recuperar tamén as cifras  prepandemia, debido a que no terceiro trimestre do ano 2019, antes da explosión da  covid, o número total de visitantes que recibira Galicia situouse en 3.424.200, case 100.000 menos que agora. Por contra, no total nacional, a cifra de visitantes para o terceiro trimestre deste ano (57.034.795) segue estando por baixo da rexistrada antes da pandemia (61.116.470).

Aumento do gasto por persoa

Esta evolución do sector tamén se pon en manifesto nas estatísticas de gasto medio diario por persoa. Durante o terceiro trimestre deste ano a cifra en Galicia foi de 47 euros, situándose na sétima posición do ranking por comunidades, mentres que hai un ano era novena con só 36 euros. Tamén neste caso supérase xa a cifra  prepandemia, que no terceiro trimestre do 2019 foi de 42 euros de media por persoa e día.