O Museo Provincial de Pontevedra segue a súa dinámica positiva en número de visitantes a pesares da situación de pandemia. A piques de pechar os números definitivos do ano 2021 xa pasaron polas instalacións unhas 125.500 persoas, o que supón unha cifra "moi positiva" en termos xerais, e que chegaría a ser "de récord absoluto" de non terse dado o baixón de afluencia de grupos escolares na primeira metade do ano.
Segundo os datos que manexa o Museo, 2021 foi un ano novamente atípico pola COVID, comezando co peche case absoluto das salas de exposicións, a anulación das actividades e a redución de capacidade de público en todas as iniciativas. O mínimo de afluencia rexistrouse no mes de febreiro, con apenas 197 persoas visitantes cando nese mesmo período a media de situouse na última década nas 4.500, e con datos de 3.019 persoas no mes de abril cando outros anos se tiña chegado case ás 14.000.
Na evolución mensual os datos tan reducidos do inicio deste ano tornáronse moi positivos no verán, con picos de afluencia por riba incluso dos exercicios prepandemia, chegando a superar as cifras máximas de afluencia dos últimos once anos. Tamén o mes de decembro está a marcar un fito, sendo o máis numeroso dende o 2014 en persoas visitantes a día de hoxe (4.798), sen aínda pechar o ano, e con visos de superalo.
Analizando as visitas por edificios, as Ruínas de San Domingos recibiron nos meses de apertura -dende o 16 de marzo ata o 22 de outubro- 83.517 persoas, o terceiro mellor resultado en dez anos despois do 2017 (92.994 visitantes) e de 2018 (con 86.500). No Edificio Castelao e Sarmiento as visitantes totais ata o pasado 21 deste mes foron 35.611, destacando Galicia como lugar de orixe para 23.234 persoas, o resto de España con 10.493 persoas e 1.884 visitantes estranxeiras (con Portugal, Francia, Estados Unidos e Alemaña por orde de afluencia).
Os datos tamén son positivos ao ver as persoas visitantes non organizadas por grupos, o que se dá en chamar as visitas ‘individuais', con 29.994 asistentes: en dez anos é a cifra máis numerosa despois de 2013 (41.885) e 2014 (51.810). Os grupos de alumnado foron os que na realidade tiraron para abaixo as cifras globais, xa que non se produciron no primeiro semestre do ano.
Sen embargo, a día de hoxe é moi notoria a reactivación deste tipo de público, non só na visita ás actividades da colección permanente, senón tamén ás vencelladas ás exposicións temporais, xa que houbo e hai unha grande solicitude para as exposicións ‘Galicia, de Nós a nós', ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla', ‘Libros Pop Up', Origami' e ‘Castelao en Europa'. Dende o mes de setembro a 21 de decembro chegaron por esta vía 1.648 escolares.
Por outra banda, as persoas visitantes aos actos realizados no Museo foron 5.768, mentres que ás exposicións acudiron 33.489 visitas. O desglose subliña que a máis exitosa para o público é a de ‘Libros Pop UP', a de máis longa apertura, xa que estivo aberta entre o 29 de xullo e o 12 de outubro e durante todo o período estival, con 10.426 visitas. Despois sitúanse a de ‘Origami, de papel a obra de arte', aínda a disposición do público ata o 23 de xaneiro, que acumula 7.349 visitas; seguidas de ‘Galicia, de Nós a nós', da antolóxica de ‘José Suárez 1902-1974' ou ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921' que a pesares de abrir o pasado 2 de decembro xa acumula 1.717 visitas e vai camiño dunha cifra moi importante.