A Deputación de Ourense celebrará en 2022 o bicentenario da súa constitución (26 de maio de 1822) cun programa de actividades que se estenderá ao longo de todo o ano e que terá como fitos máis destacados unha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel sobre a historia da institución e unhas xornadas internacionais sobre organización territorial.
"Unha efeméride participativa, da veciñanza e tamén dos concellos, coa que pretendemos poñer en valor a afouteza da institución e o papel protagonista dos gobernos provinciais", dixo o presidente Manuel Baltar durante a presentación das actividades e o logotipo deseñado para a ocasión, acto no que estivo acompañado polo coordinador do programa, o profesor de Historia do Dereito e das Institucións da Universidade da Coruña, Eduardo Cebreiros."Non podíamos deixar pasar unha ocasión tan redonda, como redondo é o logotipo, para poñer de relevo a existencia dun goberno provincial cuxa importancia quedou corroborada na Constitución do 1978", destacou o presidente, ata tal punto que "desde as deputacións mesmo se impulsou a constitución das comunidades autónomas uniprovinciais, cun protagonismo de seu que ninguén pode dubidar e que seguen a mostrar a súa necesaria existencia á hora de falar de descentralización e desconcentración competencial".
Moitos gobernos provinciais tamén cumprirán o bicentenario en 2022 "pero, como en moitos outros ámbitos, a Deputación de Ourense será a primeira en celebrar este importante aniversario e facelo, ademais, desde unha perspectiva histórica, técnica e xurídica", apuntou Manuel Baltar, "demostrando que nos tomamos moi en serio a institución, para a que reclamamos o debido protagonismo na encomenda que fai o texto constitucional, que non é outra que a administración autónoma das provincias".
O profesor Eduardo Cebreiros agradeceu a Manuel Baltar "a súa sensibilidade á hora de celebrar este bicentenario", un sentido da historia que dixo botar en falta en institucións e cargos públicos. Como coordinador das actividades detallou dúas das citas previstas máis relevantes. Así, dixo, "a idea central xira en torno a unha exposición conmemorativa no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que podería ser itinerante pola provincia, onde imos trasladar á cidadanía a historia da Deputación, desde os primeiros documentos que reflicten a creación destas institucións na Constitución de 1812 ou os decretos de división provincial e mapas onde Ourense aparece xa como provincia.Pero non só haberá documentos, sinalou, "senón que tamén pretendemos recuperar ás persoas, como o primeiro xefe político, Pedro Boado Sánchez, os deputados provinciais, e lugares como o convento de Santo Domingo -onde hoxe se sitúa a delegación de Facenda- que foi a primeira sede".
Coincidindo coa data de constitución da Deputación, o 26 de maio de 2022 celebraranse en Ourense unas xornadas internacionais sobre organización territorial, das que Eduardo Cebreiros avanzou a presenza de expertos galegos para falar do ámbito local, "pero como non estamos illados e Ourense ten capacidade para atraer o mundo tamén contaremos cun elenco de expertos en historia das deputacións procedentes de universidades de toda España, así como Portugal, Francia e Italia", xa confirmados.A celebración do bicentenario da Deputación de Ourense terá imaxe propia a través dun logotipo deseñado polo coordinador de Comunicación da institución provincial, Carlos Quintairos, e onde sobresae "un círculo -explicou Manuel Baltar- que tamén forma parte do noso símbolo da Ourensanía e que representa a unidade, a perfección e o centro, e que estará presente ao longo do ano en todos os documentos oficiais, na comunicación, publicidade e demais soportes gráficos".
No acto de presentación das actividades tamén se proxectou un vídeo editado para esta ocasión no que dúas persoas e utilizando palabras como compromiso, paixón o futuro, "trasladamos a idea de que a Deputación non só é unha institución fría, de datos, senón que tamén é humanidade, cun goberno provincial ao carón da xente".