O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, percorreron hoxe unha parte do itinerario da Ruta do Percebe de Laxe, un novo atractivo turístico dinamizador da economía local.
O proxecto promovido polo Concello de Laxe -apoiado economicamente pola Xunta ao abeiro dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP)- consiste na habilitación dun itinerario guiado e sinalizado que percorre as principais zonas de extracción deste crustáceo, poñendo en valor a beleza dos espazos naturais que atravesa. Trátase dun percorrido de aproximadamente 3 quilómetros que discorre por lugares de gran valor paisaxístico, como o faro de Laxe.
Alfonso Rueda subliñou que esta ruta se suma a outras iniciativas vencelladas á cultura marítima galega e aos labores de extracción de marisco que espertan un grande interese entre os visitantes, o que supón un valor engadido para os seus territorios. O vicepresidente primeiro, ademais, puxo a Costa da Morte como exemplo do modelo turístico vencellado á natureza que demandan os visitantes e que tan bos resultados está a dar en Galicia.
“Galicia está de moda e a Costa da Morte está de moda”, dixo Rueda en relación aos datos turísticos que sitúan á comunidade autónoma á cabeza da recuperación turística en España. A Costa da Morte, coa cifra de 122.000 viaxeiros aloxados nos seus hoteis no que vai de ano e con preto de 211.000 noites, sitúase en niveis similares aos de hai dous anos, antes da pandemia.
Os atractivos turísticos da Costa da Morte son moitos e coinciden co modelo sustentable de calidade que persegue a Xunta e que esixen os fondos europeos destinados ao turismo, no marco do que se vai desenvolver o Plan Territorial do Litoral, a través do que se impulsará a posta en valor dos recursos e dos produtos turísticos da costa galega. Eventos como O naufraxio de Laxe, festa de interese turístico de Galicia, que se suma a outras nove festas recoñecidas a nivel autonómico en diferentes puntos da Costa da Morte, engaden un plus a outros valores naturais da contorna como a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, a Ruta dos Faros ou a rede Eurovelo.
A maioría dos concellos que conforman o Xeodestino da Costa da Morte forman parte, ademais, do Camiño de Fisterra e Muxía, que malia as restricións por mor da pandemia, rexistrou este ano máis de 800 peregrinos que recolleron a súa Compostela, o que demostra que se trata dun itinerario de moda percorrido cada vez máis por máis peregrinos que, logo de chegar a Compostela, optan por seguir camiñando ata o antigo finis terrae.
Actividade dos GALP
A conselleira do Mar, pola súa banda, salientou que a ruta do percebe de Laxe é un exemplo dos bos froitos que dan os proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro. Neste caso, sinalou, trátase dunha iniciativa do GALP da Costa da Morte, promovida polo Concello de Laxe, que busca ser un atractivo turístico e de dinamización da economía local e tamén incrementar o valor en lonxa dos produtos de pesca costeira artesanal, principalmente do percebe.
A titular de Mar explicou que esta ruta consiste nun itinerario guiado con sinalización e paneis didácticos colocados nalgunhas das importantes zonas de extracción do percebe. A actividade compleméntase con contidos promocionais, en tres idiomas, accesibles a través de códigos QR, a colocación dun tótem na oficina de turismo e coa edición de dípticos.
Esta iniciativa, engadiu Rosa Quintana, recibiu unha axuda de preto de 14.000 euros no marco da convocatoria deste ano de achegas aos proxectos dos GALP, na que se aprobaron 144 iniciativas. Todas elas, expuxo Rosa Quintana, mobilizarán un investimento total de 15 millóns de euros e engádense aos preto de 500 proxectos desenvolvidos desde o ano 2016, que recibiron preto de 30 millóns de euros de apoio público e mobilizaron un investimento total de arredor de 70 millóns de euros.