A Coruña celebra do 10 de febreiro ao 6 de marzo as Xornadas Lacónicas


Coruñeses e visitantes volverán gozar un ano máis das tradicionais lacoadas durante o Entroido grazas ás VII Lacónicas - Xornadas gastronómicas do Lacón con Grelos que volverán celebrarse un ano máis na cidade herculina.

Nesta ocasión, as Lacónicas celebraranse entre o 10 de febreiro e o 6 de marzo e en total serán 32 restaurantes e locais hostaleiros os que participan con prezos que van dos 19 aos 30€ e que inclúen a tradicional sopa, a lacoada e as sobremesas con filloas, orellas ou rosquillas ademais da bebida.
 
Ademais, os distintos restaurantes ofrecen opcións para grupos que dependerán das restricións sanitarias de cada momento, opcións para persoas celíacas para as que se contou coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia, opcións para levar e tamén posibilidade de entrega a domicilio. Todas as opcións e menús poden consultarse no folleto das Xornadas.
 
As Xornadas Lacónicas son xa unhas xornadas distintas e singulares dentro da programación habitual de eventos gastronómicos do Consorcio de Turismo da Coruña, nas que se busca exaltar un produto clásico da cociña tradicional galega no marco dunha festa tan querida polas coruñesas e coruñeses como é o Entroido.
 
estas xornadas enmárcanse dentro dos distintos programas postos en marcha polo Goberno de Inés Rey para impulsar o turismo na Coruña, programas que a propia alcaldesa presentou este mes en FITUR e que inclúen os eventos gastronómicos entre os incentivos para aumentar o atractivo da cidade, xunto cun amplo programa cultural que inclúe, de novo, a celebración de grandes concertos nacionais e internacionais e de citas deportivas de primeiro nivel, como o partido da Selección Española en Riazor tras 13 anos de ausencia da cidade.
 
Tamén, nesta edición das Lacónicas, volverán a celebrarse os showcookings e obradoiros infantís, polo que o vindeiro sábado 19 de febreiro haberá un obradoiro no Mercado de Santo Agostiño que levará por nome "Optimización do cocido. Trash-cooking, aproveitamento e responsabilidade" e correrá a cargo do chef Pablo Pizarro. O obradoiro será de balde para adultos con ata 30 prazas e requerirá inscrición previa. Tamén o sábado 26 de febreiro no Mercado da Praza de Lugo celebraranse dous obradoiros infantís gratuítos para cativos de 5 a 10 anos con 15 prazas por obradoiro e que terán como requisito que os participantes veñan disfrazados. Esa xornada tamén terá degustación gratuíta de filloas e orellas e a música da comparsa popular 'Monte Alto a 100'.
 
Ademais, dentro da política de sustentabilidade do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, as Xornadas Lacónicas Lacónicas contan coa colaboración de Hostelería #PorElClima, o proxecto que impulsa a acción contra o cambio climático no sector da hostalería apoiado por Coca-Cola e Hostelería de España.
 
O folleto destas VII Lacónicas con toda a información sobre os obradoiros, establecementos e menús participantes está dispoñible na web turismocoruna.com.