Comeza a remusealización do Forno do Forte de Buño


O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, acompañado pola concelleira de Olaría de Malpica, Marisol Blanco, visitou o Forno do Forte de Buño, no inicio das obras de remusealización e co obxecto de poñer en común os aspectos técnicos e patrimoniais da intervención. Na xuntanza tamén participou persoal técnico da empresa adxudicataria, a UTE Sellier y Bialbero, e o xefe do Servizo de Arquitectura da Deputación da Coruña.

Convén lembrar que a remusealización suporá a adaptación das tres salas dedicadas actualmente a material etnográfico que pasarán a ser salas de exposicións temporais, da olaría de Buño e orientadas a difundir a actividade dos oleiros e das oleiras de Buño. Por outra parte, a antiga 'taberna' pasará a dedicarse a sala de actividades e actos, para o que será dotada dos medios técnicos e materiais necesarios para a súa nova función.

A remusealización tamén implicará a actualización do mobiliario e elementos de olaría actuais, a modernización das salas, a adaptación de salas interactivas, a instalación de nova información patrimonial e cambios na iluminación.

"Con esta intervención" sinalou o deputado "damos un paso máis no compromiso adquirido ao inicio do mandato de cara a acadar a modernización do Forno do Forte, actualizándoo en base a unha realidade social actual da olaría que na nosa opinión non estaba reflectida no museo actual". 

Segundo explica Xosé Lois Penas, "sobre todo o que pretendemos é que o Forno do Forte e a tradición oleira de Buño traballen conxuntamente para buscar un ben único, que é a promoción dunha actividade que forma parte do noso patrimonio inmaterial e que como tal debe ser protexida e promovida por todas as administracións". O deputado lembra, ademais, que con esta actuación "a finalidade é que o Forno do Forte sexa, por fin, o gran museo dos oleiros e das oleiras que todos desexamos".