O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, ven de participar na primeira mesa de propostas que se celebra no marco do proceso participativo de elaboración da Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia, que virá perfilar os eixes estratéxicos e accións que deben implementarse neste eidodeica o ano 2030. Un proceso no que se están a implicar todos os axentes involucrados (gandeiros, industrias, cadeas de distribución ou asociacións e organizacións profesionais agrarias) e que se está a levar a cabo da man da Fundación Juana de Vega, como aconteceu coas Estratexias do lácteo e do viño, xa en marcha.
Dende que en setembro de 2021 tivese lugar o primeiro encontro con todas as partes, leváronse a cabo varias reunións de traballo e mesmo unha xornada participativa para a elaboración de distintos documentos nos que se establezan as fortalezas, oportunidades, debilidades e ameazas relativas á produción, á industria e á comercialización e os mercados do sector cárnico galego. Tamén se están a realizar entrevistas individuais cos principais actores das diferentes cadeas de valor do sector, para complementar a análise.
A produción cárnica constitúe un eido estratéxicodo rural galego. Destacan cifras como as do vacún de carne, que sitúan a nosa comunidade como a terceira rexión produtora do Estado, con máis dun 14% da produción total nacional.
Canto á comercialización, a IXP Ternera Galega posúe unha cota do 55% dentro das indicacións xeográficas protexidas de carne a nivel estatal. Os sectores avícola e cunícola galegos tamén se sitúan entre os principais produtores de España, mentres o resto de orientacións cárnicas ofrecen aínda potencial de crecemento.