Convocados os Premios ao desenvolvemento rural de Galicia



O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as bases reguladoras e a convocatoria da décimo terceira edición dos Premios ao desenvolvemento rural de Galicia. A dotación orzamentaria total que destina a Consellería do Medio Rural a estes galardóns é de 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores participantes nas oito categorías establecidas. Con estes premios quérense recoñecer por parte do Goberno galego aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, tal e como se explica nas bases e na convocatoria.

Ademais, na resolución indícase que existen oito categorías: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, derecuperación e posta en valor da terra agraria.

Cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que o gañador deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada que executaran un proxecto en Galicia. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar dende mañá.