Embelecemento no Camiño Inglés no seu paso por Oroso


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do alcalde de Oroso, Luis Rey e da corporación municipal, visitaron as obras de embelecemento no Camiño Inglés que supuxeron un investimento de case 21.000 euros neste concello, dos que a Xunta asumiu 15.000 euros.

Os traballos consistiron na instalación de mobiliario urbán -marquesiñas e gardacontenedores- en catro lugares de dúas parroquias do municipio, no lugar da Baxoia, no Agrelo, na Fonte da Santiña, en Vilalbarro e no lugar de Oroso Pequeño, nas parroquias de Deixebre e Oroso co obxectivo de recuperar e mellorar o atractivo do Camiño nestes puntos.

Así, as actuacións permitiron avanzar no embelecemento da contorna deste itinerario, contribuindo a embelecer os trazados, mellorando as contornas ambientais, paisaxísticas e arquitectónicas e poñendo en valor o Camiño. Oroso foi un dos 31 concellos que se beneficiaron das axudas dotadas con 1,5 millóns de euros convocadas en 2021 para acometer actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago.