Máis fondos Next Generation para a provincia de Pontevedra



O fortalecemento do comercio local da provincia e impulso á sostibilidade turística no destino son os pilares dos catro novos proxectos presentados esta mesma semana pola Deputación de Pontevedra que xa teñen confirmado o seu financiamento cos fondos Next Generation e que mobilizarán un total de 5,6 millóns de euros. Con eles, son xa 22 os proxectos europeos que está a xestionar a Deputación na actualidade e que supoñen un investimento de preto de 20 millóns para fortalecer a eficiencia enerxética, a mobilidade, a xestión do turismo e o apoio aos sectores produtivos. 

En concreto, ademais dos dous plans de sostibilidade turística ‘Os Camiños por dentro’, para os concellos de Deza-Tabeirós, e ‘Unha terra entre ríos’, para os do Condado-A Paradanta, que xa foran aprobados a finais do pasado ano, contarán con financiamento dos fondos Next Generation outros dous novos proxectos vinculados ao comercio, ‘Commmerce Inside’, para municipios turísticos, e ‘Da túa man’, para concellos con mercados permanentes. 

En total, un investimento de case 6 millóns de euros que amosa, como subliñou Carmela Silva, “a enorme capacidade para xestionar do mundo local, que debería ter moita máis porque nunca devolve un euro”. O apoio a estes plans vén apoiar o traballo neste eido feito pola institución en coordinación cos concellos, “cun plan estratéxico de fondos europeos aprobado e presentado moito antes de que se aprobara ningunha orde”. 

Referiuse ademais á presencia no acto das e dos representantes do 36 concellos beneficiarios como un exemplo de “cogobernanza de todas as cores políticas” que permitirá estas accións para fortalecer o turismo e o comercio locais.