O destino Rías Baixas, é decir, a provincia de Pontevdra, recibiu en 2021 máis dun millón de persoas ata decembro, o que representa o 32% das persoas que viaxaron a Galicia segundo os datos do INE, e 2,3 millóns de pernoitas, o 38% do total da comunidade autónoma, datos que para a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, demostran que “somos a provincia do turismo en Galicia, somos a Deputación que consigue os mellores datos turísticos, e estes resultados acádanse grazas a esta administración provincial e ao sector privado”.
Carmela Silva aproveitou para facer balance sobre FITUR e lembrou que a provincia recibiu o premio SICTED ao mellor destino nacional, un galardón que “tivo repercusión a nivel estatal porque se fixo eco o propio Ministerio de Turismo”, apuntou. Ademais a Deputación recolleu a “Q” de calidade para o castelo de Soutomaior, e formalizou a súa adhesión á Spain Film Commission.
“Tamén asinamos o acordo de promoción con Renfe para ter presenza en estacións e nos trens que saian de calquera lugar de España para achegarse a Galicia, o que nos permitirá centrar varias ofertas e produtos”, lembrou, para resaltar tamén as visitas a stands; a participación no primeiro taller HUB Español Gaia X, centrado na creación do espazo de datos de turismo; e o traballo de “networking” de Turismo Rías Baixas a través de contactos profesionais, encontros da Ruta dos Fenicios e da Red DTI, e prospeccións para accións de ecoturismo e turismo deportivo.
A presidenta tamén salientou o impacto de “Love Rías Baixas”, a campaña turística da Deputación presentada en FITUR. “Non podemos estar máis orgullosas e orgullosos, ninguén tivo estes datos”, apuntou, para explicar que desde o 13 de xaneiro a promoción acumula 2,3 millóns de impacto nas redes e 6,3 millóns de impactos potenciais.