A área de Cultura da Deputación da Coruña destina en 2022 un orzamento de 1,1 millóns de euros a festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas organizados polos concellos ou por entidades sen ánimo de lucro da provincia. O BOP vén de publicar as dúas convocatorias do programa de subvencións; unha para os eventos organizados por concellos e entidades locais, que conta cun orzamento de 550.000 € e cuxos beneficiarios poderán recibir entre 3.000 e 75.000 €, e outra, tamén cunha achega de 550.000 €, para os promovidos por sociedades sen fins de lucro, que optarán a axudas de entre 3.000 e 50.000 €.
Poderán acceder ás subvencións os festivais culturais con identificación e marca propia e recoñecible, programación diversa que aglutine diferentes propostas artísticas, organizado periodicamente, con data de celebración consolidada e orientada á consecución de públicos amplos ao redor dunha proposta de contidos coherente e definida. Esta liña de axudas diríxese a apoiar economicamente este tipo de eventos, e non as programacións culturais municipais ou aquelas actividades culturais que se dan no marco de eventos gastronómicos, turísticos ou festivos.
"Apoiar os festivais significa, para nós, apostar pola difusión e a creación cultural a través do que son verdadeiras plataformas de promoción das propostas existentes e tamén de creación de emprego e riqueza no sector", explica o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto. "Este apoio á actividade cultural é un dos obxectivos destas dúas liñas de subvencións que, xunto coa Rede Cultural, significa unha aposta pola contratación e a mellora da situación laboral e económica do sector profesional da cultura, tan afectado pola pandemia".
O pasado exercicio beneficiáronse desta liña de subvencións 33 festivais organizados asociacións sen ánimo de lucro, que recibiron 514.425 €, e 23 eventos promovidos directamente polos concellos, para os que a institución provincial destinou unha achega de 474.277 €.
Cineuropa, Curtocircuíto, Cinema Miúdo, Carballo Interplay, a Mostra de Curtametraxes Vila de Noia, Mares do Fin do Mundo de Outes, a Mostra de Teatro Galego de Cariño, a Foliada de Melide e Jazz Noia foron algúns dos festivais audiovisuais organizados por concellos que recibiron axuda en 2021.
En canto as citas promovidas las asociacións coruñesas sen ánimo estiveron o Feito a Man de Santiago, Galiza Blues de Noia, Irmandiños de Moeche, FIOT de Carballo, Atlántica, Titiriberia, Galicreques, a Mostra Internacional de Cinema Periférico do Museo do Pobo Galego ou o S8, Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña.