O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a partir de mediados de marzo está previsto que xa sexa posible presentar as solicitudes á nova edición do bono turístico, unha vez que a próxima semana se inicie tamén o proceso de adhesión das empresas turísticas interesadas en participar na convocatoria.
Alfonso Rueda explicou que a Xunta pretende continuar a reactivar a actividade do sector turístico a través do fomento do turismo interno. O bono #QuedamosenGalicia22 estará dispoñible un ano máis para todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego con preferencia aos que non foran beneficiados na convocatoria de 2021. Nesta ocasión, a Xunta asumirá o 40% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 60%.
Ao igual que o ano pasado haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -100€ abonados pola Xunta e 150€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -150€ achegados polo Goberno galego e 225€ polos particulares-; e o terceiro de 500 euros -200€ pola Xunta e 300 polos particulares-. Cómpre lembrar que o ano pasado a tarxeta de maior contía foi a escollida na súa gran maioría polos solicitantes.
O vicepresidente primeiro sinalou que a data límite para o seu uso será o 31 de decembro de 2021, se ben durante os meses de verán -entre o 1 de xullo e o 15 de setembro- as tarxetas permanecerán inhabilitadas debido a que esta nova convocatoria vai enfocada a desestacionalizar a oferta e a manter a ocupación e a liquidez no sector na tempada de menor actividade e demanda.
Nesta liña, lembrou a boa acollida que o ano pasado tivo a anterior edición do bono converténdose nunha medida pioneira e nunha historia de éxito de principio a fin esgotando en 12 horas as 12.300 tarxetas dispoñibles e con case 1.200 establecementos turísticos adheridos.
Esta iniciativa permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector e supuxo un balón de osíxeno. Ademais, concentrou o consumo no último trimestre, o que da unha idea da capacidade de desestacionalización desta medida.