A Deputación de Lugo pon en marcha unha nova web de reservas para as rutas fluviais pola Ribeira Sacra que xa estará operativa dende este xoves para mercar os billetes da nova temporada que arrancará o vindeiro 19 de marzo, e que se prolongará ata final de ano na ponte de decembro. Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes da Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución provincial poden formalizar a súa reserva na web reservas.rutasembalses.es, ou ben de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas, no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196.
O novo espazo web creado pola Deputación é máis accesible e visual. A través desta páxina o visitante pode coñecer todos os detalles precisos para programar a súa experiencia en catamarán dunha maneira áxil para desfrutar ao máximo. A Deputación aconsella programar as viaxes con antelación e reservar os billetes a través desta web na que, de maneira sinxela, se formaliza o proceso dende o móbil, o ordenador ou calquera dispositivo.
Este portal ofrece a posibilidade de modificar reservas, coñecer a normativa e estar ao tanto de calquera aviso ou información precisa para realizar a viaxe. Os usuarios e usuarias poden consultar as tarifas e os prezos reducidos para xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas, así como que os nenos e nenas de ata 3 anos viaxan de balde. Tamén está habilitado un espazo profesional para facilitarlle a xestión ás axencias de viaxes, permitindo que tramiten as súas reservas.
Rutas e horarios
Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, en Chantada, e que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada, cunha duración aproximada de 2 horas.
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.
No mes de marzo, navegarán do sábado 19 ao domingo 20 e a fin de semana do 26 e 27 de marzo, en horario de mañá e tarde. Nos próximos meses de abril e maio, as rutas polo Canón do Sil serán de mércores a domingo e, con motivo da Semana Santa, haberá servizo de luns a venres do 11 ao 17 de abril, ao igual que a semana do 16 de maio, con motivo das Letras Galegas. No caso de Cabo do Mundo, neste período haberá viaxes as fins de semana, a semana completa do 11 ao 17 de abril por mor da Semana Santa, e os días 16 e 17 de maio ao ser o festivo das Letras Galegas.
Na Ruta Canón do Sil en xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.
No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.
As dúas rutas rematarán a temporada na ponte de decembro con viaxes todos os días do 3 ao 11 de decembro.