A Xunta destaca a recuperación dos establecementos hoteleiros galegos que triplicaron en xaneiro o número de viaxeiros e superaron en máis do dobre o número de noites consumidas respecto de xaneiro do ano pasado, segundo os datos recollidos no informe de Conxuntura Turística Hoteleira publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, Galicia rexistrou en xaneiro un total de 127.380 viaxeiros e 236.312 noites cunha estadía media de 1,9 noites.
Estas cifras tradúcense en que Galicia mantén un bo ritmo de recuperación da demanda turística galega, que recupera este mes o 76% da demanda turística respecto a 2019.
Con case o 83% das noites galegas, o turismo nacional lidera o peso do mercado hoteleiro en Galicia en xaneiro, mentres que o turismo internacional representa o 17% restante. Por provincias, case a metade das noites hoteleiras consumíronse na provincia da Coruña, seguida por Pontevedra (29%), Lugo (12%) e Ourense (11%).
En xaneiro tamén seguiu mellorando a rendibilidade do sector, o que permitiu que os establecementos hoteleiros galegos obtiveran ingresos próximos aos 8 millóns de euros no pasado mes de xaneiro, unha cifra que case dobra o nivel de 2021 e supón recuperar preto do 80% do volume de ingresos rexistrado en 2019.